Thursday 09 de May de 2024

O ciclo ‘As mellores películas da historia’ chega ao ecuador da súa programación con ‘Ciudadano Kane’, que se proxectará o vindeiro xoves no Teatro Colón


Aínda hai pases dispoñibles para a sesión do día 14 (19.30 horas), na que haberá un coloquio aberto ao público con Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya

O Teatro Colón abrirá as súas portas o vindeiro xoves 14 (19.30 horas) á terceira das proxeccións previstas no ciclo ‘As mellores películas da historia’, que chega ao seu ecuador coa ópera prima do cineasta Orson Welles, ‘Ciudadano Kane’.

A película narra, mediante un grandioso flashback, a vida do magnate Charles Foster Kane, interpretado polo propio Orson Welles. A longametraxe foi considerada durante décadas como a mellor e máis revolucionaria película da historia do cinema pola súa sabia utilización da linguaxe cinematográfica, a súa creatividade e a forza das súas imaxes.

Cómpre lembrar que o público asistente á sesión da semana que vén poderá gozar desta longametraxe, a número 3 na listaxe das cen mellores películas da prestixiosa publicación británica Sight & Sound, nun formato en 35 mm.

Ademais, e como xa foi habitual desde o inicio do ciclo, a proxección irá seguida dun coloquio aberto ás preguntas das persoas asistentes, no que o coordinador do programa, Javier Trigales, acompañará a un convidado moi especial: Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, profesor de comunicación audiovisual na Universidade de Barcelona e experto na obra cinematográfica de Orson Welles, ao que dedicou varios libros e ensaios.

Aínda quedan entradas á venda a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense, así como no propio teatro o mesmo día de proxección, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

A programación do ciclo ‘As mellores películas da historia’, impulsado polo Goberno de Inés Rey, comezou o pasado mes de xaneiro, coa proxección da longametraxe ‘El apartamento’, de Billy Wilder. Xa a mediados de febreiro recuperouse en 35 mm. ‘Al final de la escapada’, do francés Jean-Luc Godard.
Neste sentido, tras ‘Ciudadano Kane’ haberá outras tres datas máis de proxección no Teatro Colón. O calendario continuará o 11 de abril con ‘El piano’, de Jane Campion. A convidada neste caso será Jaione Camborda, cineasta que fixo historia recentemente no festival de San Sebastián, onde gañou a Cuncha de Ouro por ‘O Corno’, película gravada en galego.

O 23 de maio proxectarase a gran película do suspense: ‘Psicosis’, de Alfred Hitchcock. O convidado especial será Paco Plaza, autor dalgunhas das grandes obras nacionais de terror do século XXI. Por último, e xa o 13 de xuño, pecharase o ciclo dun xeito moi especial, con ‘El espíritu de la colmena’, de Víctor Erice. Na clausura está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.